Arquivo para a categoría ‘intersexo’

IS: Otoko demo Onna demo nai Sei (IS 男でも女でもない性), é unha serie manga creada por Chiyo Rokuhana e publicada na revista josei[1] Kiss de Kodansha[2] desde o 2003 ata o 2009.

A abreviatura IS é unha referencia ás persoas intersexuais. A historia trata principalmente sobre a dor e os problemas que estas persoas poden atopar nas súas vidas, sobre como ser aceptadas e sobre a non posibilidade de reproducirse.

Está composto por 17 tomos recompilatorios e levouse o 31º Kodansha Manga Award ao mellor shôjo[3] en 2007.

IS: Otoko demo Onna demo nai Sei non está publicada no Estado español. Non confundir con I´´s (アイズ), a obra de Masakazu Katsura editada por Planeta DeAgostini Cómics.

O pasado mes de xullo estreouse en TV Tokyo o dorama de IS: Otoko demo Onna demo nai Sei, unha adaptación do manga de Chiyo Rokuhana. En dailymotion están dispoñibles xa os primeiros capítulos. Aínda que os subtítulos están en inglés, enténdese bastante ben (e isto dio quen escribe, que non ten un nivel nada alto no idioma).

Primeira parte do capítulo primeiro:

Emma Casal Giráldez


[1] O josei (女性, ”josei”), tamén coñecido como redīsu (レディース, ”redīsu”) ou redikomi (レディコミ, ”redikomi”) é unha categoría do manga e anime dirixido especialmente para as mulleres adultas. O equivalente masculino deste xénero é o seinen. En xaponés, a palabra josei significa soamente “feminino” e non presenta ningunha connotación sexual.

As historias soen tratar as experiencias diarias das mulleres que viven en Xapón. Aínda que algunhas tratan temas de mulleres no bacharelato e a universidade, a maioría tratan as vidas de mulleres adultas. Este estilo tende a ser unha versión máis restrinxida e realista do shôjo, mantendo os trazos gráciles dos personaxes pero desfacéndose dos ollos grandes e vidrosos que abundan neste último xénero. Sen embargo, poden atoparse excepcións ao estilo aquí descrito. Ademais, a diferenza do shōjo, o josei pode mostrar un romance máis realista (en oposición ao coñecido romance idealizado do shōjo).

Dentro do josei existe un subxénero dirixido a mulleres que tratan relacións femininas homosexuais, bastante semellante ao yuri.

Exemplos de autoras de series josei son Kiriko Nananan, autora de Blue, ou Ai Yazawa, autora de Paradise Kiss e NANA.

[2] Unha das principais editoriais xaponesas. Publica tanto literatura como manga.

[3] O shōjo (少女, ”shōjo”) é a categoría do manga e anime dirixida especialmente á audiencia feminina adolescente. Abarca unha gran cantidade de temas e estilos, desde o drama histórico ata a ciencia ficción, centrando habitualmente a énfase nas relacións humanas e sentimentais. Estritamente falando, o shōjo non se adscribe ningún estilo ou xénero particular e é máis un indicador do público ao que vai destinado. Sen embargo, tamén pode estar dirixido ao público masculino.