Arquivo para a categoría ‘intersexo’


V.O.S.E.

107 minutos

Directora: Elisabeth Scharang

Documental sobre a vida de Alex Jürgen. Alex Jürgen é intersexual. Un hermafrodita. Unha persoa que non encaixa dentro da división precisa entre masculino e feminino que rixe o mundo.

Identificado como un home cando naceu, aos dous anos de idade Alex foi reasignado como muller na primeira das intrusións que fixeron na súa vida. Baixo un constante escrutinio médico, Alexandra creceu nun pequeno pobo austríaco como a única rapaza que usaba prendas XXL. Sendo xa unha moza, Alex puido desenvolver a súa masculinidade.

Este documental segue a Alex durante tres anos, como se dun diario se tratase, sempre dando a súa propia perspectiva da vida, como vive o feito de ser intersexual e cales son os seus sentimentos.

Ao longo deste camiño, alex faise amigo de outras persoas intersexuais, decide vivir a súa vida como un home, coñece a homes trans que se converten nos seus confidentes e finalmente aprende a amar o corpo co que naceu.

“Octopus alarm” aborda un tema tabú que cuestiona moitos prexuízos que tradicionalmente houbo sobre a intersexualidade.

Desde a web do filme amosan a ruta para acceder á descarga do documental AQUÍ ou podes porte en contacto coa produtora para conseguir unha copia (office@afc.at).

Mar F. Cendón

Advertisements

Documental autobiográfico de Phoebe Hart  sobre a súa experiencia para comprender a súa propia condición de intersexual a través de  encontros con outras persoas coma ela nunha viaxe por Australia.

Cando nace un bebé e resulta difícil establecer cal é o seu sexo biolóxico,a medicina intervén extirpando unha parte dos seus xenitais en función do tamaño do clítoris (menor de 3 cm) ou pene (maior de 3 cm e polo tanto capacitado para penetrar). En moitas ocasións esta decisión non se corresponde coa identidade desa persoa.

Cuando Phoebe Hart tiña17 anos, a súa nai díxolle que tiña testículos no abdome e que padecía da síndrome de insensibilidade aos andróxenos, ou SIA, é dicir, que o seu corpo tiña resistencia ás hormonas masculinas. Phoebe foi sometida a unha cirurxía invasiva para eliminar os seus testículos non descendidos coas secuelas emocionais e traumáticas que lle supuxo esa operación.

O documental estará dispoñible en liña durante uns días AQUÍ

Podes escoitar unha entrevista coa realizadora e protagonista  AQUÍ

 

Mar F. Cendón

Obra de Ins a Dromminga, activista e artista intersexual

Promovido pola Organización Internacional de Intersexuales , o 8 de novembro conmemorase o Día de solidariedade intersexual en defensa dos dereitos das persoas intersex. A data rememora o nacemento, en Francia en 1838, de Herculine Barbin, un dos primeiros casos públicos de intersexualidade, ou po lo menos un dos máis coñecidos grazas a que as súas memorias foron sacadas á luz por Michel Foucault, Herculine Barbin, dite Alexina B. Présenté par Michel Foucault, e que tamén publicou Talasa en castelán co título de Herculin Barbin llamada Alexina B no ano 2007.

O manuscrito publicado no século XIX, é un texto de medicina, para un público de especialistas, ofrecido, en 1978, por Foucault a todo tipo de público. Desde as  páxinas desta obra Foucault interpelanos: temos necesidade dun sexo verdadeiro?

 Herculine Barbin foi inscrita no rexistro civil como nena, criada entre nenas, nun asilo, logo nun colexio internado dirixido por monxas. Formouse como educadora normal e aos 20 anos obtivo un cargo para ensinar nun internado de señoritas. Alí fíxose mellor amiga primeiro, amante despois, dunha das fillas da directora, Sara. A súa anomalía anatómica e fisiolóxica volveuse cada vez máis notoria para ela mesma, xunto a síntomas de molestias físicas inexplicadas. Volveuse cada vez máis claro para ela o aberrante do seu corpo e o pecaminoso das súas afeccións.

Trátase do relato dunha vida breve xa que Herculine suicidase aos 28 anos despois do dramático cambio que sufre a súa vida cando se produce o xuízo de rectificación civil polo que se interpreta a súa malformación anatómica como que en realidade se trata dun varón. A isto segue o seu cambio de nome, e un abrupto cambio de xénero. Abel, sen traballo estable intenta sobrevivir a toda esta situación marchando a Paris onde se acaba suicidando.

A tráxica vida de Herculine evidencia o momento en que o desenvolvemento das teorías biolóxicas sobre a sexualidade, as concepcións xurídicas acerca do individuo e as formas de control dos estados modernos conducen a rexeitar a idea dunha mestura dos dous sexos nun só corpo.

A súa vida tamén foi levada ao cine polo  cineasta francés René Féret baixo o título de  “Le Mystère Alexina” (1984).

 

Mar F. Cendón

“Memoria de las niñas raras” é un documental de 16 minutos de duración realizado en Bogotá entre 2005 e 2006 por Claudia Corredor e Ana Lucia Ramírez. É un proxecto de “AL BORDE producciones”, realizado co apoio de “ASTREA. Fundación lésbica para la Justicia”.

AL BORDE pretende posibilitar que mulleres, homes, persoas trans e intersex, se conecten para imaxinar e crear un mundo libre e feliz, unha porta para que se asomen, saian e entren no mundo, as súas creacións artísticas e as doutros colectivos ou persoas que a través da arte reivindiquen as liberdades sexuais, identitarias e corporais.

Desde este borde, propoñen inventar novas palabras para nomearse doutros xeitos que se parezan máis ao que queren estar sendo, facer visible o que sempre estivo invisible a través das súas propias imaxes, retar a amargura e a violencia da orde de xénero, heteronormativa e patriarcal coa súa arte, o seu pracer e a súa creatividade.

Máis información na súa web: http://www.mujeresalborde.org/

O documental trata sobre a memoria de 3 mulleres que de nenas foron “raras”. “Raras” por aventurarse a ser nenas doutro xeito, transgredindo as normas do xénero, revolucionando as leis naturais e elixindo os desexos prohibidos.

As súas memorias son relatos que nos permiten imaxinar novas posibilidades para os corpos, as sexualidades, os afectos e a vivencia do xénero. As súas historias, un lugar de resistencia capaz de desordenar todas as ordes.

 

Emma Casal Giráldez

O celuloide oculto – The Celluloid Closet
Orixe: EEUU.
Ano: 1995.
Dirección e produción: Rob Epstein e Jeffrey Friedman.
Guionistas: Robert Epstein, Jeffrey Friedman e Sharon Word.
Fotografía: Nancy Schreiber.
Música: Carter Burwell.
Intérpretes: Tony Curtis, Susan Sarandon, Whoopi Golberg, Shirley Maclaine, Tom Hanks.


Narrado por Lili Tomlin, o filme rastrexa minuciosamente a representación cinematográfica da homosexualidade por parte da industria de Hollywood. Tras unhas primeiras imaxes -entre as que destaca un fragmento dun Edison Experimental Filme (1895) no que se ve a dous home bailando agarrados con total naturalidade- a voz do narrador pon en evidencia como en máis de cen anos de cine a homosexualidade retratouse moi raras veces e cando o fixo foi para facer rir, para dar pena ou, ata, medo. Aínda que fugaces, eran imaxes indelebles que deixaron un legado duradeiro. Esa gran fábrica de mitos que foi Hollywood “ensinou aos heteros que pensar dos gais, e aos gais que pensar de si mesmos”?
Info e articulo completo en: Hollywood sale del armario: Homosexualidad y represión en el cine norteamericano

 

Mar F. Cendón

Middlesex

Publicado: Outubro 3, 2011 en identidade(s), intersexo, libros, sexualidade(s)

Middlesex (2002) é a segunda novela de Jeffrey Eugenides (Detroit, 1960),autor tamén de Las virgenes suicidas (1993).

Nesta novela, galardoada co premio Pulitzer de Ficción, conta a historia dunha persoa intersexual, Calíope Stephanides, de orixe grega, pero nacida nos Estados Unidos. Narrada en primeira persoa por Cal, o aspecto máis interesante é que primeiro desvela a historia dos seus antepasados: os seus pais, os seus tíos e os seus avós, que ocultan un segredo que queda atrás, na rexión de Esmirna. Como hábil narrador dunha saga familiar, Eugenides emprega a traxicomedia, e así o humor suaviza as pasaxes máis duras e a crueza volve máis crible as pasaxes máis inverosímiles.

Middlesex gózase de principio a fin, poboado como está de personaxes e historias interesantes: dous irmáns que se namoran entre eles, o ataque dos turcos, a fuxido en barco, o modo de prosperar en Detroit, os disturbios raciais, o primeiro amor, o dobre problema de ser unha adolescente que se está a converter nun rapaz sen que ninguén o saiba, unha avoa que predí o sexo dos bebés colocando unha culler sobre o ventre das embarazadas…

 

Mar F. Cendón

O IV Congreso de Hipospadias e Desordes do Desenvolvemento sexual (ISHID 2011) tivo lugar en  Londres esta semana.
Activistas intersex denunciaron que o evento -que tiña previsto incluir unha “cirurxía en vivo”, promoverá a mutilación xenital infantil.
A conferencia foi organizada pola Society For Hypospadias and intersex Disorders, un grupo que defende as intervencións cirúrxicas a nen*s nacidos con xenitais considerados “ambigüos”.
Varias comunicacións que figuraban no programa do ISHID 2011 presentaban formas de cirurxía reconstrutiva que implican problemas médicos na vexiga e na función uretral. Por outra banda, outros dos relatorios que foron presentadas, valoran recorrir  ás “cirurxías feminizantes” que implican o corte dos xenitais, e que de acordo a activistas intersexuais esconden só un propósito “cosmético” e “normalizador”.
Unha clase maxistral de “cirurxía en vivo” era o prato forte que se presentaba no programa para o peche do congreso.
Entre o 17 e o 19 de setembro, numerosos activistas organizaron protestas en Londres baixo o lema: Paren aos mutiladores xenitais do ISHID.+ INFO AQUÍ

“A intersexualidade non é algo que lle pasa só a aquelas persoas que naceron con corpos que varían respecto da media corporal feminina ou masculina, senón que a intersexualidade é algo que nos pasa. A cada paso. A tod*s. Cada vez que se dá por sentado que todas as mulleres teñen vaxina, ou que todos os homes poden mexar de pé, cada vez que alguén afirma que os únicos cromosomas humanos son XY ou XX, cada vez que se di que os homes teñen testículos e ovarios as mulleres, cada vez que se asume que os xenitais “normais” fan a felicidade, cada vez que cre que esa “normalidade” debe pagarse a calquera prezo… a intersexualidade pásanos. E forma parte do que somos, aínda que nin remotamente se nos pase pola cabeza ou o corpo que, entre outras cousas, iso somos”

Mauro Cabral

El último verano de la boyita (2009) é o segundo filme da guionista, directora e produtora arxentina Julia Solomonoff (Rosario, 1968).

Nun espazo aparentemente bucólico, un segredo revélase, accidental, espontanemente. Ao volver dunha cabalgata, Jorgelina nota unha mancha de sangue na montura. E outra mancha no pantalón de Mario. Mario non sabe que dicir. Non sabe por que, pero el non é como os demais. Jorgelina a partir deste descubriento acompañarao no camiño de descubrimento e aceptación da súa sexualidade. Unha revelación que en lugar de separalos os unirá máis do imaxinado.

+ info AQUÍ

“A Boyita era unha casa rodante que tiña a máxica capacidade de flotar, unha especie de anfibio doméstico. Dende que os meus pais a compraron, eu imaxinaba aventuras en ríos e bosques, pero a Boyita foi xuntando po e xoguetes, estacionada no fondo do noso patio, converteuse en escenario de xogos e confesións”. Julia Solomonoff

 

Mar F. Cendón

XXY

Publicado: Agosto 22, 2011 en identidade(s), intersexo, películas, recursos, sexualidade(s)

 “As persoas intersex somos quen, tendo nacido cun corpo sexuado que varía tanto do promedio masculino como do promedio feminino experimentamos as distintas consecuencias que depara esa variación nesta cultura: o estigma da ambigüidade, é dicir, o de ter dous sexos, un incompleto, de non ter ningún ou de ter un terceiro, así como as distintas tecnoloxías de normalización que nos fan encarnar, na medida do posibel, un só e só un”.
Mauro Cabral, activista intersexual

XXY (2007) é un filme arxentino escrito e dirixido por Lucía Puenzo (1976)  no que trata a historia dunha persoa intersexual de 15 anos, Álex, que vive coa súa nai e o seu pai nunha pequena vila fronte ao mar, a onde fuxiron anos atrás para evitar ser rexeitada pola sociedade e aprender a aceptar a súa condición.

 

Mar F. Cendón

Ser XXY

Publicado: Agosto 16, 2011 en identidade(s), intersexo, recursos

Por Onni Neko

“Todos os días me enfronto a un mundo binario onde só existen o masculino e o feminino. Contrariando ao mundo, unha realidade distinta existe no meu corpo, onde o masculino e o feminino están repartidos en diversas características físicas e orgánicas. Non pasa un día sen que me pregunte se non sería máis doado escoller un só deses dous conxuntos de características, e aniquilar toda pegada do outro.

De cara á sociedade, camiño  polo fío da masculinidade, e acado relativo éxito (por fin) nesta década da miña vida. Digo nesta década, porque o meu corpo vai cambiando, como o de todos, co transcorrer dos anos. E en determinadas idades, ao meu corpo custoulle (e quizais lle custará), presentar unha estética masculina suficientemente convincente.

Cando tiña dez anos, víame moito máis “feminina” que “masculino”. Nesa idade non era eu quen decidía, senón os adultos, e eles a miúdo dicíanme “nena”. A min non me molestaba, pero pronto entendín que aos meus pais si. Cada vez que alguén se “confundía” acerca do meu “verdadeiro sexo”, eles apresurábanse a corrixir: “é un homiño”; ante o cal, a persoa “confundida” ofrecía mil desculpas. Foi así como, antes da puberdade, aprendín que ser intersex é motivo de incomodidade e vergoña na nosa sociedade.

O meu país non recoñece un xénero andróxino, de modo que ou es masculino ou es feminino para efectos da cédula de identidade. Eu son legalmente masculino, porque así me catalogaron ao nacer ante a eminencia do signo masculino máis sobresaínte do meu corpo: os meus xenitais.

Non obstante, á idade de vinte anos, preferín presentarme ante a sociedade como unha rapaza nova. Fíxeno porque iso me resultaba moito máis doado que explicarlle continuamente a xente que non era muller. Aos trinta anos, en cambio, empecei a vivir como un home porque subira moito de peso. A miña nova masa corporal, sumada á miña alta estatura, que é unha característica típica da miña condición intersex, facía que resultase máis convincente presentarme como varón (é así ata hoxe). E, aínda que resulta triste admitilo, parte da miña motivación proviña da constatación de que aos homes se lles respecta máis que ás mulleres. E iso convíñame.

Pero, quen son eu e que son eu en realidade? Son entre outras cousas o seguinte:

Unha persoa intersex.

Un intersex cun tipo de intersexualidade que a medicina denomina Síndrome de Klinefelter.

Unha persoa con 47 cromosomas sexuais XXY, en vez dos 46, XY dos varóns, ou os 46, XX das mulleres.

Unha persoa que escolle utilizar estradiol (un estróxeno), en lugar de testosterona.

Unha persoa que leu toda clase de documentos, ensaios, conceptos, textos de bioloxía etc., e que chegou á conclusión de que a maioría de médicos enfoca inadecuadamente o tema da intersexualidade.

Unha persoa con signos de masculinidade e signos de feminidade simultáneamente presentes no seu corpo.

Se uso roupa frouxa, a xente catalógame como home ou como muller, segundo a voz que me esforce en poñer. Se afino a voz catalóganme como muller e, se a agravo, catalóganme como home. En cambio, se uso roupa axustada, a xente catalógame como muller, independentemente da voz que poña.

Como moitos XXY, en determinado momento da miña vida tiven osteoporose.

Como moitos XXY, teño dislexia.

Como moitos XXY, teño unha voz privilexiada para cantar, produto da mestura de características masculinas e femininas no meu organismo.

De xeito natural, produzo menos testosterona (4%) e máis estradiol (20% ou máis).

Respecto da maioría de persoas, non é unha decisión sobre o meu xénero o que me fai diferente, senón o meu sexo de nacemento. Non son transxénero, senón intersex. Noutras palabras, non son un macho xenético que decide vivir como muller, nin unha femia xenética que decide vivir como home. Son unha persoa que, dende o punto de vista xenético, non é nin macho nin femia.

Isto non quere dicir que as persoas intersex non teñamos identidade de xénero, como calquera. Entre os que somos XXY, hai persoas que se identifican como homes (a maioría), persoas que se identifican como mulleres, persoas que se identifican como ambas as dúas cousas e persoas que, como eu, optamos por identificarnos como ningunha das dúas“.

 

Tradución feita por Mar F. Cendón