Arquivo para a categoría ‘Presentación’

“A identidade é un punto de chegada, non un punto de partida. É algo ao que chegamos e algo que construímos. A identidade é unha ficción.”.- Silvia Tubert.

Unha das formas máis sutís de violencia contra as mulleres ten sido, e segue a ser en boa medida, a invisibilidade. Invisibilizándoas, a cultura procura pór fóra de xogo e, en consecuencia, marxinar, devaluar e subordinar ás mulleres en tanto que mulleres. Se, ademais, falamos de mulleres marcadas cun plus de diferencia, por non responder ás normas e expectativas da sociedade patriarcal, a invisibilidade e a violencia alcanzan unha dimensión maior: lesbianas e mulleres transexuais e transxénero, mulleres masculinas, feminidades non normativas ou con características específicas, como no caso das mulleres inmigrantes, todas existen nun permanente fóra da normativa sexo-xénero (e do valor asignado á feminidade e a masculinidade nas sociedades occidentais, que tensionan coa súa mera existencia) e nun permanente fóra do público: trátase de identidades percibidas con frecuencia pola sociedade como anómalas, e iso fainas susceptibles de violencia.

A discriminación, a estigmatización e a exclusión por non cinguirse aos ríxidos roles de xénero ou por ter unha procedencia cultural, étnica ou relixiosa distinta á nacional hexemónica aínda persisten nos diferentes espazos privados e públicos da vida cotiá e sabido é que non se pode soster o funcionamento dunha democracia real mentres existan comportamentos e actitudes discriminatorios ou violentas exercidas por unhas persoas sobre outras para xustificar o poder e a subordinación.

Formamos parte dunha sociedade na que complexas realidades culturais se insertan e se entrecruzan nunha diversidade de tradicións políticas, sociais, relixiosas e de xénero. As sociedades multiculturais das que formamos parte afrontan o reto da convivencia pacífica entre as diversas formas culturais que conviven así como o compromiso da súa incorporación na vida cotiá. O concepto de xénero é un factor relevante nos estudos multiculturais que á súa vez debe ser analizado e interpretado desde os contextos multiculturais. Desde o punto de vista pedagóxico o concepto de identidade resulta moi útil para comprender e explicar tanto procesos de integración cultural como procesos de asunción e identificación de roles de xénero.

Baixo estas premisas inscríbese o proxecto de investigación INTERDICIÓNS, a través do cal pretendemos  analizar a situación na que se atopan as adolescentes lesbianas, bisexuais, transexuais e transxénero en Galiza, propoñendo ao tempo estratexias de actuación para normalizar a súa realidade e promovendo accións que contribúan á igualdade das identidades diferentes facendo posible unha cidadanía plena.

Todas as accións que forman parte deste proxecto, entre as que se inclúen os contidos deste blog, foron desenvolvidos por un equipo multidisciplinar de expertas en Estudos de Xénero. O equipo, coordinado por Beatriz Suárez Briones, está composto por Emma Casal Giráldez, Mar Fernández Cendón e Mina Shayan.

Para calquera consulta sobre este proxecto podes porte en contacto con nós no enderezo electrónico: etiquenvessendo@gmail.com