Artigos etiquetado ‘dorian gray’

Berlín tiña unha vibrante cultura homosexual na década de 1920. En 1919, Magnus Hirschfeld, sexólogo e defensor dos dereitos das persoas homosexuais, crea o seu Institut für Sexualwissenschaft (“Instituto para o estudo da sexualidade”) e, nese mesmo ano, estréase “Anders als die Andern” (“Diferente aos demais”), o primeiro filme que trata o tema da homosexualidade dende unha óptica positiva.

Magnus Hirschfeld

En 1920, Kurt Schwabach e Mischa Spoliansky crean “Das lila Lied” (“A canción violeta”), unha composición dedicada a Hirschfeld que pasaría a converterse no himno homosexual da época. E, en 1921, realízase a primeira conferencia internacional para a reforma sexual con base científica (Erste internationale Tagung für Sexualreform auf sexualwissenschaftlicher Grundlage).

Había uns 50 clubs e bares para mulleres, que ían dende os grandes e luxosos cabarés e cafés, como o famoso “Eldorado”, visitado por estrelas como Marlene Dietrich, ou o “Chez ma belle-soeur”; pasando polos mixtos, con todo tipo de público, como o “Dorian Gray” na Bülowstrasse; os populares, como o “Club des amies”, que realizaban festas tres veces por semana; ata os máis sórdidos, como o “Café Olala”, ao que tamén acudían varóns travestidos, ou o “Tavern”, que tiña unha habitación reservada para as mulleres.

Eldorado

En 1928, o libro “Berlins lesbische Frauen” (“As mulleres lesbianas de Berlín”), de Ruth Margarete Roellig, popularizou a capital alemana como centro da cultura lésbica europea.

As festas e eventos eran publicados en diversas revistas, que funcionaban como vínculo de unión para a comunidade. Podemos destacar “Die Freundin”, unha revista moi popular na época, dirixida a lesbianas.

Tamén se produciu unha auténtica explosión da cultura lésbica como dan mostra artistas da talla de Claire Waldoff, Jeanne Mammen, Christa Winsloe ou Anna Elisabet Weirauch, autora da triloxía “Der Skorpion”, a novela lésbica por excelencia da época.

Claire Waldoff

Claire Waldoff

Anna Elisabet Weirauch

A homosexualidade masculina estaba prohibida polo artigo 175, mais a policía de cidades como Berlín e Hamburgo adoitaban mirar cara outro lado. A loita pola eliminación deste artigo permitiu articular o primeiro movemento homosexual, do que as mulleres, menos afectadas, formaron parte marxinalmente. Aínda así, as mulleres do entorno do Comité Científico Humanitario realizaron unha contribución notable á loita pola emancipación tanto das mulleres como dos e das homosexuais, podendo mencionar a Theo Anna Sprüngli (a primeira activista lesbiana da historia), Johanna Elberskirchen e Emma (Külz-) Trosse.

Theo Anna Sprüngli

Johanna Elberskirchen

Emma Trosse


Emma Casal Giráldez