Artigos etiquetado ‘congo belga’

Annemarie Schwarzenbach foi doutora en filosofía, arqueóloga xornalista, fotógrafa e novelista, coñecida sobre todo pola súa faceta de escritora de viaxes.

Naceu en Zürich o 23 de maio de 1908, no seo dunha das familias máis ricas de Suíza. A súa nai estaba emparentada co canciller Von Bismarck. Seu pai era o herdeiro de Ro. Schawzenbach & Co., que fabricaba e importaba seda. E, seu avó, foi o xeneral Ulrich Wille.

Dende pequena rexeitou o luxo e, ao acadar a puberdade,  a súa familia solicitou unha entrevista médica para comprender os motivos da súa “rara” conduta. Tras algunhas visitas médicas, diagnosticóuselle esquizofrenia, mais está en dúbida a veracidade deste.

En 1927 ingresou na Universidade de Zürich para estudar historia e literatura e, nese intre, comezaría a súa produción literaria en ficción. Tres anos despois coñeceu aos irmáns Mann e mantería unha relación de amizade con toda a familia que se prolongaría durante toda a súa vida. En 1931 obtivo o doutorado e publicou a súa primeira novela Freunde um Bernhard.

En 1933 viaxou ao Estado español xunto a Marianne Breslauer[1], quen a fotografou en reiteradas ocasións.

En 1935 casou co diplomático francés Claude Clarac en Irán.

As súas viaxes, que inspiraron a súa obra, levárona aos Estados Unidos, o Estado español, como xa dixemos, Rusia, Afganistán (xunto a Ella Maillart[2]) e o Congo Belga.

Ao longo da súa vida foi adicta á morfina e estivo intermitentemente baixo tratamento psiquiátrico. En 1939 intentou desintoxicarse, momento no que escribiu Das glückliche Tal. En 1942 tivo un accidente coa súa bicicleta. Golpeouse a caluga e estivo inconsciente varios días. Cando espertou, perdera a capacidade de fala, observación e mobilidade. Morreu o 15 de novembro dese mesmo ano.

Annemarie nunca falou abertamente sobre a súa orientación sexual, pero os indicios sobre as relacións que mantivo indican que era lesbiana. Entre outras, pode ser destacada a relación que mantivo coa escritora Carson McCullers[3], con quen compartiu algún tempo a súa vida en Nova York.

O tema básico da súa obra céntrase en recoller a tomentosa e recorrente soidade que sentiu ao longo da súa curta vida. Así mesmo, rexistrou os costumes, a historia, as paisaxes e o espírito das persoas que habitaban os países que percorreu. Caben ser destacados:

  • Das glückliche Tal
  • Lyrische Novelle
  • Bei diesem Regen
  • Jenseits von New York
  • Freunde um Bernhard
  • Muerte en Persia (Tod in Persien)
  • Auf der Schattenseite
  • Flucht nach oben
  • Alle Wege sind offen
  • Winter in Vorderasien
  • Unsterbliches Blau
  • Wir werden es schon zuwege bringen, das Leben

Para máis información, recoméndamos os seguintes enlaces:

–          Annemarie Schwarzenbach: la viajera inconsolable

–          Los viajes de una chica rara

–          Vidas contadas – Annemarie Schwarzenbach – 20/02/12

–          http://www.annemarieschwarzenbach.eu/

 

Emma Casal Giráldez


Advertisements