Bisexualidade, un disfraz de homofobia internalizada?

Publicado: Setembro 23, 2011 en bisexualidade, identidade(s), orientación sexual, sexualidade(s)

“Díxome que lle gustan os homes tanto como lle gustan as mulleres, o que lle parece natural porque, di, el é produto de dous sexos así como de dúas razas. A ninguén lle sorprende que el sexa birracial; por que debería sorprenr que sexa bisexual? Esta é unha explicación que xamais escoitei antes e que non podo comprender de todo; paréceme demasiado lóxica para o meu cerebro. “

Alice Walker, Possessing the Secret of Joy

Foto dunha acción do colectivo murciano No te prives no 23 de setembro de 2010

De que falamos cando falamos de (bi)sexualidad?

Moitas persoas afirman que “a bisexualidade non existe”. En certo sentido, teñen razón. A bisexualidade, como entidade absoluta, é algo irreal, claro que si. Algo tan irreal como o son a homosexualidade ou a heterosexualidad. O que existen son historias humanas de desexo e diferentes maneiras de dar conta delas a través das palabras. A elección dunha palabra ou doutra (ou de ningunha) para dar “título” a esa narrativa, é produto de numerosas circunstancias, entre as que  teñen un lugar privilexiado o contexto social e cultural, a historia familiar e o grupo de pertenza. E sempre, toda palabra que pretenda dar conta da historia e do presente desexante e afectivo dunha persoa, necesariamente deixará fóra experiencias, fantasías, proxectos, sonos, que son conflitivos coa imaxe de si que esa palabra quere revelar. Ese “deixar fóra” pode implicar “esquecelos ou tamén  resignificalos de maneiras que reduzan a súa conflitividade.

O que se considera “ambiguo”, é dicir, o que non é doadamente clasificable nas categorías existentes, ten a virtude de pola súa mera existencia espir as regras de xogo que subxacen a esas categorías.

Tal como sucede coa transxeneridade, que ispe en forma implacable a precariedade da diferenza (binaria) de xénero, piar da civilización occidental -cristiá e non-, a bisexualidade pon ao descuberto cales son os parámetros que regulan a idea mesma de sexualidade na actualidade.

Os seguintes comentarios foron recollidos  ao longo dos anos. Proveñen de moi variadas clases de persoas: terapeutas de diversas orientacións, público de talk-shows en televisión, homosexuais e lesbianas (activistas e non), integrantes de grupos de terapia, estudantes de psicoloxía etcétera. Segundo elas e eles, as persoas bisexuais son:

-Inmaturas: porque non se definen, porque pretenden perpetuar un estado de omnipotencia infantil no que todos os obxectos son potenciais obxectos amorosos.

-Impostoras: porque “en realidade” son gais ou lesbianas que non se atreven a asumirse como tales, ou que non queren perder nin os privilexios sociais da heterosexualidade nin os praceres da homo.

-Confundidas: porque “en realidade” non saben o que queren, dubidan, van dun corpo a outro e dun xénero a outro buscando unha falsa completud dos seus débiles “eus”, que se debilitan máis aínda nese proceso.

-Hipersexualizadas: a súa libido é tan intensa que rompe os diques da represión e non discrimina entre obxectos socialmente permitidos e prohibidos.

-Egocéntricas, egoístas, centradas na busca do seu propio pracer e reluctantes a sacrificar nada de si para comprometerse nunha relación adulta cunha persoa dun determinado xénero e renunciar ao resto dos seus potenciais parellas. Este egocentrismo en moitos casos evita a psicopatía, xa que a persoa bisexual é insensible á dor que causa en heterosexuais, gai ou lesbianas puras/os e ben intencionadas/os que confían nela. (Esta liña foi explotada polo cine ata a exasperación.)

-Exóticas, andróxinas, nin homes nin mulleres, criaturas da noite e a excentricidade, artificiais, exquisitas, tan outras que nin sequera pode xulgalas cos parámetros morais que si lles caben ás súas irmás ou irmáns máis correntes.

Cal é a idea de sexualidade que se esconde detrás desas críticas? En primeiro lugar, unha sexualidade cuxa culminación é un estado fixo -en canto a obxecto, pero tamén en canto a práctica. A madureza sexual estaría indicada pola elección, sexa esta hetero ou homosexual, e o renunciamiento ás outras alternativas. Ser madura/o é recortar da gama posible de experiencias humanas unha soa, e adherirse a ela polo resto da vida. Trátase dunha sexualidade binaria, excluínte, e por suposto xerárquica como o son todos os sistemas binarios en Occidente (home/muller, mente/corpo, branco/negro, día/noite, ceo/inferno etcétera). De acordo ao círculo onde nos movamos, a perfecta culminación do proceso psicosexual será a heterosexualidade, coa homosexualidade como variante defectuosa; ou proclamaremos a supremacía do desexo entre iguais, cunha miríade de argumentos que van dende a exquisitez grega ata a liberación do mandato patriarcal.

Non hai vida fóra dos polos… contradicindo a realidade do noso planeta onde xustamente os que están deshabitados son os polos e a fascinante diversidade da vida humana transcorre nas vastas zonas que se estenden entre ambos os dous…

Por que a bisexualidade asusta tanto que ten que ser negada na súa mesma existencia? Unha posible explicación, entre moitas, relaciónase con este sistema binario ao que vimos facendo referencia. Ao ser xerárquicos, os binarios que estruturan o pensamento occidental son en realidade falsos binarios. Non hai equivalencia entre as dúas posibilidades: sempre hai unha que é “positiva” e outra que é “negativa”… o negativo da primeira, a súa copia deformada. Na Idade Media imaxinábase o corpo da muller como unha copia deformada do masculino, sen disimulos. O lado “positivo” do binario é o “real”; o outro, é unha deformación a corrixir, sen entidade propia. Non son dous, senón un, e a “elección” / “renuncia” non é tal, senón unha mera cuestión de desempeño, de achegarse máis ou menos ao ideal.

Nesta sexualidade normativizada, con indicadores de desempeño e metas a alcanzar, onde o desexo aparece controlado, nomeado, acoutado, e a marxe para o imprevisto e para o cambio é mínima, a bisexualidade irrompe como elemento disruptivo. A bisexualidade non só devolve a súa categoría de existencia ao outro polo do binario senón que ademais desprega unha ampla gama de opcións posibles entre ambos os dous, que os relativiza e os volve meros puntos nun contínuo en lugar de indicadores excluíntes de identidade.

A bisexualidade remite ao móbil, ao cambio, ao imprevisto e por iso atemoriza. En ámbitos que non sexan a sexualidade, recoñécese a capacidade de adaptación aos cambios como síntoma de madureza, a flexibilidade como indicio de estruturación axeitada do eu, un amplo repertorio posible de respostas e intereses como sinónimo de saúde. E non obstante, no sexual, esiximos das persoas todo o oposto. Non é sorprendente: no lugar da maior vulnerabilidade humana, onde rozamos a morte e a nudez, onde ata a linguaxe adulta nos é insuficiente, é onde construímos as maiores rixideces, os imperativos máis tiranos.

A definición máis simple de bisexualidade fala da potencialidade de sentirse atraída ou atraído por persoas do propio xénero así como de calquera outro. O termo en si foi cuestionado por moitas persoas nos últimos anos, xa que perpetúa a (falsa) concepción de que existen soamente dous xéneros -o propio e o alleo, feminino e masculino. A existencia dunha ampla gama de persoas que resulta difícil de encadrar nesas dúas categorías, e que resulta obxectos de interese afectivo / erótico, esixe unha definición máis abarcativa de bisexualidade, como a que enunciamos ao comezo do parágrafo.

A sexualidade humana é moito máis complexa do que quereriamos que fose. Abrangue a xenitalidade, por suposto, pero tamén as fantasías, a proximidade emocional, a comunión afectiva… Nalgunhas vidas humanas -as menos- todos eses vínculos danse, dende o nacemento ata a morte, con persoas dun só xénero. Na maioría das vidas humanas, en cambio, existe unha fascinante diversidade de obxectos amorosos/eróticos, ás veces aceptados como tales e ás veces non. Se restrinximos a sexualidade á súa expresión xenital, seguramente encontraremos moitos máis casos de exclusividade, pero nin sequera. O famoso estudo Kinsey, realizado na década de 1940 e que só medía relacións sexuais que culminasen en orgasmo, provocou un escándalo ao revelar a impresionante diversidade nas preferencias sexuais da poboación estudada.

Acordar existencia real á bisexualidade implica unha concepción da sexualidade menos “tranquilizadora” pero máis adecuada aos estándares de saúde, en canto require unha perspectiva flexible, aberta á posibilidade de que se produzan cambios. O perigo reside en utilizar a aceptación da bisexualidade para instalar un novo status quo, onde as opcións “aceptables” serían tres en lugar de dúas. Apenas unha modificación cosmética. O desafío que formula a bisexualidade é pensar a sexualidade humana como unha materia en construción permanente, como unha historia que só se pecha e adquire unha forma definida no momento da morte. E abrir a porta para validar outras expresións da sexualidade que aínda oscilan entre a categorización clínica (desvalorizante) e o silencio; non casualmente, son as expresións máis “asociais”, as que non nos ligan a outras nin a outros, as que son aínda máis sospeitadas: o celibato, o autoerotismo, o fetichismo.

Extracto traducido do artigo de Alejandra Sardá “Bisexualidad, ¿un disfraz de la homofobia internalizada? e traducido por Mar F. Cendón

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s