A historia de BILLY TIPTON (1914-1989)

Publicado: Setembro 15, 2011 en identidade(s), música

  A morte do pianista de jazz Billy Tipton, foi  unha das novas máis espectaculares do ano 1989, non porque Tipton fose un músico de renome senón porque se descubriu que en verdade era unha muller que vivira facéndose pasar por home desde os dezanove anos.

Cando a ambulancia chegou ao domicilio de Tipton, un sábado de xaneiro de 1989, o seu fillo adoptivo William estaba agardándoa para trasladar a Billy de urxencia ao hospital. Os médicos desplegaron a padiola, tenderon alí o corpo débil do músico e un enfermeiro abriulle a camisa do pixama para poder revisalo. “Fillo”, preguntoulle a William, “¿teu pai fíxose un cambio de sexo?”. Durante case catro décadas, ninguén -excepto el propio Tipton- vira aquel torso espido, nin sequera as súas mulleres. A autopsia determinou que o corpo correspondía ao dunha muller bioloxicamente “normal”.

Dorothy

Dorothy Lucille Tipton naceu na cidade de Oklahoma, o 29 de decembro de 1914, e converteuse en Billy Lee Tipton durante o verán de 1933.

No 1928 seu pai e súa nai divorciáronse e Billy e seu irmán foron enviados a Kansas City, onde foron criados por unha irmá da súa nai.  A partir dos catorce anos, Dorothy comezou a tomar clases de música (saxo alto e piano) e a interesarse polo jazz. De Kansas City xurdiran algunhas mulleres pianistas famosas como Mary Lou Williams ou Julia Lee, ambas negras.

Dorothy volveu ao lado da súa nai a finais de 1932, decidida a dedicarse profesionalmente á música. Non lle resultou anda doado. Corría a “era da Depresión” e as bandas de jazz só aceptaban músicos homes, así que Dorothy decidiu xogar o xogo e facerse pasar por un.

“A expresión da súa masculinidade comezou coa roupa”, escribiu Diane Middlebrook en Suits Me, biografía de Billy Tipton. Como primeira medida, Billy pensou que usando traxes masculinos volvería invisible a súa feminidade.  “Cos anos foi perfeccionando un estilo de presentación en público que moi poucas persoas cuestionaron. Usando unha americana, unha garabata e un pantalón ben axustado, adoptando unha postura notablemente erecta, Billy daba a impresión de ser un home”. Tipton, ademais, metía nos seus pantalóns un bulto, que nun comezo estaba feito cunha especie de algodón, pero “adoptou un equipo máis complicado”, en palabras de Middlebrook cando comezou a saír con mulleres.

A personificación foi depurada. O xeito de camiñar, os xestos, a voz, todo foi masculinizándose. Se había unha pelexa, Billy quedaba á marxe porque, como pianista, tiña que “coidar as mans”, pero enseguida se ocupaba de facer algún comentario sobre o acontecido, comentario que adoitaba ter certa pizca de ironía ou ata algunha broma homofóbica.

A música

Billy Tipton non deixou moitos discos grabados, apenas unha demo dos anos corenta e algún elepé dos cincuenta.  Era un artista especializado no acto vivo, cuxo estilo musical asemellábase ao do pianista Teddy Wilson, membro da prestixiosa orquestra de Benny Goodman.

O seu primeiro traballo de importancia acadouno como saxofonista, nun conxunto chamado The Banner Cavaliers que soia presentarse nas radios.

Arredor de 1938, Billy Tipton ingresou xa como pianista nos Western Swingbillies. A Depresión estaba chegando ao seu fin e, dentro da orde musical, comezaba o esplendor do swing. Billy desbotou os dous destinos esperables de Dorothy (ser unha profesora de piano ou formar unha orquestra de mozas) e resolveu marchar a probar sorte en Joplin, unha cidade na que descoñecían o seu pasado. Foi entón cando, en palabras de Middlebrook, comezou a ser un home de tempo completo. Mentres tanto, a súa nai -ao tanto da situación- recibiu de Billy a instrución de escribir cartas “neutras”, polo que mudou o encabezado “dear daughter” polo de “dear darling”, sempre cun “d” que facía velada referencia ao nome orixinario.

En Joplin, Tipton uniuse como cantante e pianista á pequena orquestra de George Mayer. Unha das súas especialidades consistía en interpretar un éxito de Lionel Hampton, “Exactly Like You”. Nestes anos, usaba un fugaz e delgado bigote, feito con lapis e pelos postizos.

Unha foto de abril de 1954 móstrao, sorrindo, en compañía de Duke Ellington, Dick O’Neil e Ron Kilde, estes dous últimos seus compañeiros de ruta durante os anos cincuenta, cando liderou o Billy Tipton Trio. O trío seguiu adiante, pese a algúns cambios de alineación, ata entrados os setenta, cando Tipton comezou a traballar na axencia de espectáculos de Dave Sobol, ao tempo que se alonxaba da música[1].

No 2008, Dionisio Cañas publicou La balada del hombremujer, unha contraépica da novela ‘La vida de Billy Tipton’.


[1] Texto traducido e adaptado deste texto de Eduardo Berti por Emma Casal Giráldez

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s