Marcela e Elisa

Publicado: Setembro 12, 2011 en identidade(s), libros, orientación sexual, películas, recursos

Sabías que o  primeiro matrimonio homosexual de Europa foi o das galegas Marcela e Elisa, en 1901?!

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras que lograron burlar á sociedade pechada e moralista do seu tempo para casar. A argallada consistiu en que Elisa adoptou a personalidade civil dun curmán seu (Mario Sánchez), falecido nun naufraxio, falsificando unha chea de documentación.  Con posterioridade o párroco descubriu o engano e foron denunciadas e perseguidas, mais a acta matrimonial nunca foi anulada nen pola Igrexa nen polo Rexistro Civil!

Marcela e Elisa coñecéronse mentres estudaban na Escola Normal de Mestras Da Coruña, onde se formaban as futuras profesoras de ensino primario. Os pais de Marcela, vendo que a amizade aumentaba máis alá do socialmente permitido, e temerosos dun posible escándalo, enviaron á súa filla a Madrid. Ao remataren os  estudos volveron a atoparse cando Elisa foi destinada como mestra interina a Couso, unha pequena parroquia de Coristanco, e Marcela a Vimianzo, instalándose na aldea de Calo como mestra superior. Como consecuencia deste novo encontro decidiron vivir xuntas en Calo. En 1889, Marcela tivo que ir a dar clases a Dumbría mentres Elisa permanecía en Calo, pero seguiron mantendo o contacto xa que Elisa se trasladaba á localidade onde residía Marcela e as dúas mulleres viviron durante un tempo como unha sorte de boston marriage (matrimonios de Boston) galego.

En 1901 Elisa adoptou un aspecto masculino (co cal se presentou na Escola Normal para solicitar un certificado de estudos), inventouse un pasado e converteuse en Mario. Para este pasado inventado tomou como referencia a un primo seu morto nun naufraxio. Inventou ademais que pasara a súa infancia en Londres e que o seu pai era ateo. Ante esta última circunstancia, o pai Cortiella, párroco de San Jorge, bautizou a Mario o 26 de maio de 1901 (ademais, recibiu a primeira comunión), e posteriormente casou a parella o 8 de xuño de 1901 tras a publicación das amonestacións. A cerimonia matrimonial foi breve, os padriños deron fe da súa validez, e a parella pasou a noite de vodas na pensión Corcubión, da rúa de San Andrés.

Finalmente, a veciñanza non puido seguir indiferente ante o que a partir dese momento se coñecería como o “matrimonio sen home”. A parella sería portada de diarios galegos e madrileños e, como consecuencia disto, ambas as dúas  perderon o seu traballo, foron excomulgadas, e ditouse unha orde de busca e captura. Parece ser que para que tivese lugar a excomunión, o párroco pediu a un doutor que examinase a Mario para comprobar se era un home ou unha muller. Mario accedeu e, cando o doutor emitiu o seu veredicto, intentou facerse pasar por un hermafrodita cuxa condición fora diagnosticada en Londres. A Garda Civil perseguiunas ata a localidade de Dumbría, onde ambas as dúas exercían como mestras. Tense constancia de que pasaron por Vigo,Tui e Porto no seu fuxida. O último que se sabe delas é que chegaron a subirse a un barco con destino a América (posiblemente á Arxentina), onde pasaron a lúa de mel e, finalmente, quedaron a vivir.

A historia era coñecida tanto polo excepcional dunha voda entre persoas do mesmo sexo a primeiros do século XX como pola audacia das protagonistas, pero non abundaban os datos ata que Narciso de Gabriel (O Cádavo, 1955), catedrático de Teoría e Historia da Educación na Universidade da Coruña, se aplicou durante quince anos en investigar o acontecido. O resultado foi un estudo publicado en galego, na editorial Libros del Silencio en marzo de 2010, co título de  Elisa e Marcela. Alén dos homes, un repaso ao amor de ambas as mulleres dende que se coñecen na Escola Normal da Coruña ata que as autoridades que andan na súa procura perden o ronsel do barco que as leva cara á liberdade.

Actualmente a produtora galega Filmanova traballa nun proxecto para filmar a historia de amor destas dúas mulleres dirixido pola realizadora catalana Isabel Coixet.

 
Mar F. Cendón

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s