Ser XXY

Publicado: Agosto 16, 2011 en identidade(s), intersexo, recursos

Por Onni Neko

“Todos os días me enfronto a un mundo binario onde só existen o masculino e o feminino. Contrariando ao mundo, unha realidade distinta existe no meu corpo, onde o masculino e o feminino están repartidos en diversas características físicas e orgánicas. Non pasa un día sen que me pregunte se non sería máis doado escoller un só deses dous conxuntos de características, e aniquilar toda pegada do outro.

De cara á sociedade, camiño  polo fío da masculinidade, e acado relativo éxito (por fin) nesta década da miña vida. Digo nesta década, porque o meu corpo vai cambiando, como o de todos, co transcorrer dos anos. E en determinadas idades, ao meu corpo custoulle (e quizais lle custará), presentar unha estética masculina suficientemente convincente.

Cando tiña dez anos, víame moito máis “feminina” que “masculino”. Nesa idade non era eu quen decidía, senón os adultos, e eles a miúdo dicíanme “nena”. A min non me molestaba, pero pronto entendín que aos meus pais si. Cada vez que alguén se “confundía” acerca do meu “verdadeiro sexo”, eles apresurábanse a corrixir: “é un homiño”; ante o cal, a persoa “confundida” ofrecía mil desculpas. Foi así como, antes da puberdade, aprendín que ser intersex é motivo de incomodidade e vergoña na nosa sociedade.

O meu país non recoñece un xénero andróxino, de modo que ou es masculino ou es feminino para efectos da cédula de identidade. Eu son legalmente masculino, porque así me catalogaron ao nacer ante a eminencia do signo masculino máis sobresaínte do meu corpo: os meus xenitais.

Non obstante, á idade de vinte anos, preferín presentarme ante a sociedade como unha rapaza nova. Fíxeno porque iso me resultaba moito máis doado que explicarlle continuamente a xente que non era muller. Aos trinta anos, en cambio, empecei a vivir como un home porque subira moito de peso. A miña nova masa corporal, sumada á miña alta estatura, que é unha característica típica da miña condición intersex, facía que resultase máis convincente presentarme como varón (é así ata hoxe). E, aínda que resulta triste admitilo, parte da miña motivación proviña da constatación de que aos homes se lles respecta máis que ás mulleres. E iso convíñame.

Pero, quen son eu e que son eu en realidade? Son entre outras cousas o seguinte:

Unha persoa intersex.

Un intersex cun tipo de intersexualidade que a medicina denomina Síndrome de Klinefelter.

Unha persoa con 47 cromosomas sexuais XXY, en vez dos 46, XY dos varóns, ou os 46, XX das mulleres.

Unha persoa que escolle utilizar estradiol (un estróxeno), en lugar de testosterona.

Unha persoa que leu toda clase de documentos, ensaios, conceptos, textos de bioloxía etc., e que chegou á conclusión de que a maioría de médicos enfoca inadecuadamente o tema da intersexualidade.

Unha persoa con signos de masculinidade e signos de feminidade simultáneamente presentes no seu corpo.

Se uso roupa frouxa, a xente catalógame como home ou como muller, segundo a voz que me esforce en poñer. Se afino a voz catalóganme como muller e, se a agravo, catalóganme como home. En cambio, se uso roupa axustada, a xente catalógame como muller, independentemente da voz que poña.

Como moitos XXY, en determinado momento da miña vida tiven osteoporose.

Como moitos XXY, teño dislexia.

Como moitos XXY, teño unha voz privilexiada para cantar, produto da mestura de características masculinas e femininas no meu organismo.

De xeito natural, produzo menos testosterona (4%) e máis estradiol (20% ou máis).

Respecto da maioría de persoas, non é unha decisión sobre o meu xénero o que me fai diferente, senón o meu sexo de nacemento. Non son transxénero, senón intersex. Noutras palabras, non son un macho xenético que decide vivir como muller, nin unha femia xenética que decide vivir como home. Son unha persoa que, dende o punto de vista xenético, non é nin macho nin femia.

Isto non quere dicir que as persoas intersex non teñamos identidade de xénero, como calquera. Entre os que somos XXY, hai persoas que se identifican como homes (a maioría), persoas que se identifican como mulleres, persoas que se identifican como ambas as dúas cousas e persoas que, como eu, optamos por identificarnos como ningunha das dúas“.

 

Tradución feita por Mar F. Cendón

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s